La versión de su navegador no está debidamente actualizada. Le recomendamos actualizarla a la versión más reciente.

Guía didáctica

O proxecto Silandeira é un conxunto de actividades deseñado para ser empregado, como complemento, polo profesorado de educación primaria no proceso de ensino e aprendizaxe na materia de coñecemento do medio en 5º curso.

Por unha banda, permite abordar e afondar na maioría dos contidos que se tratan neste curso escolar na materia sinalada; por outra banda, presenta un carácter interactivo, novidoso e motivador, xa que o alumnado poderá traballar a través dun ordenador de forma autónoma ou parcialmente guiado. Ademais é un proxecto de carácter bilingüe, presentando as actividades en galego, como lingua ordinaria desta materia, ou en inglés, para aqueles centros que estean inmersos nun proxecto de seccións bilingües ou plurilingües neste idioma.

Este proxecto está estruturado en 15 unidades didácticas, e conta cun libro de actividades e outro de avaliación. A temporalización proposta é orientativa e non secuencial, polo que cada profesional do ensino pode empregar estas actividades na orde e secuencia que máis lle conveña segundo a súa programación de aula. Recoméndase, loxicamente, que o libro de avaliación de cada unidade didáctica sexa empregado tras o de actividades. Nalgúns temas achégase ademais unha WebQuest (ver exemplo dos animais presentado neste DVD), como outra proposta de traballo diferente á habitual.

Hai varias maneiras de facer uso deste material. Por exemplo, pódese usar como material complementario do libro de texto, a modo de actividades dinámicas e divertidas a realizar tras a explicación dunha parte do tema. Poderíase tamén empregar como un material de reforzo ou ampliación do temario. Así mesmo, tamén cabe a posibilidade que se use como medio para a investigación, de maneira que o alumnado teña que buscar a solución ás preguntas propostas no libro de actividades mediante o uso do libro do texto ou doutro material complementario, como textos, páxinas webs, libros da biblioteca, etc.

O libro de avaliación debe ser usado tras a conclusión do proceso de ensino aprendizaxe dunha unidade didáctica. Cada libro conta cun total de 20 preguntas, cada unha vale 0,5 puntos e a puntuación total final é de 10 expresado en porcentaxe de respostas correctas. O alumnado, unha vez que contesta a todas as preguntas, pode comprobar ata que punto acadou os obxectivos desta unidade didáctica premendo no botón de información que se encontra na parte superior dereita do libro de avaliación.